mércores, 9 de maio de 2012

NON SE CELEBRARÁN CURROS ESTE ANO

ESTE DOMINGO NON HAI CURRO NA VALGA
Xa é oficial. Este ano non se vai celebrar no Val Miñor e Oia nengún curro de cabalos.  Ante a negativa da Xunta de Galicia a negociar unha saída razoable para a identificación e control dos cabalos salvaxes, as asociacións de propietarios de cabalos do monte e os organizadores dos curros, decidiron non celebrar nengún curro este ano. O que xa víñamos comentando de que, de seguir cos plans da Xunta, a situación ía ir a pior, confírmase.
A non celebración dos curros de este ano supón, a máis dunha gran perda económica e patrimonial para moita xente, a perda dunha festa moi arraigada nas nosas xentes, que aínda en situacións piores, como  as que se deron perante a guerra civil, foron quen de organizar os curros como sempre se fixera. Son moitos os que van botar de menos esta festa, mais lembremos que non só estamos a falar dunha festa, que como moitas outras da nosa terra,  xurdiron do traballo colectivo dunha xente que aproveita para se divertir e para organizar tarefas necesarias para o colectivo que de outro xeito non se lograrían facer. As festas comunais, certas romerías ligadas aos ciclos das colleitas, vendimas, sementeiras etc, están aí dende hai centos de anos como o resultado dunha evolución progresiva no xeito de compartir tarefas e tamen alegrías, que necesitan dide labor colectivo para se realizar. Agora, chegados a este punto do século XXI é unha administración que di velar polos intereses de todos, a que coa falla de diálogo e polo camiño da imposición, obriga aos organizadores dos curros e aos propietarios de cabalos, a tomar unha decisión moi dura para os intereses de todos, e máis para o patrimonio natural e cultural do noso país.
Non só van deixar de celebrarse os currros, van deixarse sen control,  indefinidamente, tódolos animais que ata o de agora o tiñan, ; sen seguro e sen desparasitar. E, se seguimos así, en pouco tempo, tódolos animais que consigan sobrevivir, estarán sen marcas e sen nadie que se responsabilice dos estragos e destrozos que poidan facer no monte e nos pobos limítrofes. Desaparecerá a Asociación de Propietarios de Cabalos do Monte da Groba, as organizacións dos curros de A Valga, Morgadáns e do Galiñeiro e ninguén se responsabilizará do que poida pasar.
Non estamos a perder unha festa, estamos a perder algo de nós, do noso patrimonio máis galego, que nos queren eliminar caladamente, decindo que hai que identificar e organizar os cabalos do monte. Nós tamén o vimos dicindo dende hai  moito tempo: hai que organizar e regular a vida dos cabalos do monte, pero protexendoos,  non extinguindoos ou convertíndoos en animais cautivos de selección. Eso é outra cousa.

Este próximo domingo tocaríalle a quenda ao primeiro curro do ano, o curro de A Valga. Non se vai a celebrar. Xuntaranse no curro os propietarios dos cabalos, para manifestar  a súa queixa e a súa protesta e denunciar publicamente a tódolos que se acheguen ata alí os por qué de este paso tan pouco desexado, mais inevitabel.

1 comentario:

  1. queren acabar con todo miña avoa recorda o curro como unha festa de moitos anos. Señores politicos que seran dos animais salvaxes sen matarlle as moscas garrapatas e demais?. Morte segura dos animais

    ResponderEliminar